Declaración
de Biscaia sobre o dereito ó natural
O Seminario Internacional sobre o dereito ó medio natural, realizado
en Bilbo do 10 ó 13 de febreiro de 1999 baixo os auspicios da
UNESCO e do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos
Humanos,
CONSIDERANDO
que xa en 1972, a Declaración da Conferencia das Nacións
Unidas sobre o Medio Humano, no seu Principio I, proclamou que o home
ten o dereito fundamental á liberdade, á igualdade e ó
goce de condicións de vida axeitadas nun medio de calidade tal
que lle permita levar unha vida digna e gozar de benestar, e ten a solemne
obriga de protexer e de mellora-lo medio para as xeracións presentes
e futuras,
CONSIDERANDO
que posteriormente a Declaración de Río de Xaneiro sobre
Medio Natural e o Desenvolvemento de 1992, sinalou que os seres humanos
constitúen o centro das preocupacións relacionadas co
desenvolvemento sostible e que teñen dereito a unha vida saudable
e productiva en harmonía coa natureza,
CONSIDERANDO
que instrumentos de carácter rexional, tales como a Carta Africana
dos Dereitos Humanos e dos Pobos de 1981, o Protocolo de San Salvador
sobre Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de 1988 e o Convenio
sobre o Acceso á Información, a Participación Pública
na toma de Decisións e o Acceso á Xustiza en Cuestións
do Medio, adoptado pola Cuarta Conferencia Ministerial para o Medio
Natural en Europa realizada en Dinamarca do 23 ó 25 de xuño
de 1998, tamén desenvolveron o principio así formulado,
CONSIDERANDO
así mesmo a Convención sobre a Diversidade Biolóxica
de 1992, a Convención Marco das Nacións Unidas sobre o
Cambio Climático de 1992, a Convención das Nacións
Unidas de Loita contra a Desertización nos Países Afectados
por Seca Grave e/ou Desertización, en particular na África
de 1994, e o Convenio 169 da Organización Internacional do Traballo
sobre Pobos Indíxenas e Tribais en países independentes
de 1989,
CONSIDERANDO que a Resolución 45/94, adoptada o 14 de decembro
de 1990 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, declara que toda
persoa ten o dereito a vivir nun medio axeitado para garanti-la súa
saúde e o seu benestar,
CONSIDERANDO
que o Instituto de Dereito Internacional, na súa sesión
de Estrasburgo en 1997, declarou que "todo ser humano ten dereito
a vivir nun medio natural san",
CONSIDERANDO que cada vez máis Constitucións nacionais
proclaman o dereito ó medio natural,
SUBLIÑANDO
que o dereito ó medio natural é inherente á dignidade
de toda persoa, e que está necesariamente vinculado coa garantía
dos demais dereitos humanos, incluíndo, en particular, o dereito
ó desenvolvemento,
SUBLIÑANDO a universalidade, indivisibilidade e interdependencia
de tódolos dereitos humanos,
RECOÑECENDO
que o dereito ó medio natural pode exercerse, tanto a título
individual como en asociación con outras persoas, ante os poderes
públicos e que ha de ser protexido mediante a acción solidaria
de tódolos protagonistas da vida social: individuos, comunidades,
poderes públicos e entidades privadas,
CONSIDERANDO
que non se pode exerce-lo dereito ó medio natural se non se dispón
de información en cantidade e calidade suficiente,
SUBLIÑANDO a necesidade de que o dereito humano ó medio
natural sexa recoñecido nun instrumento xurídico de alcance
universal,
PROPONLLES, polo tanto, á Comunidade Internacional e, en especial,
ás Nacións Unidas e Organizacións de carácter
mundial e rexional, que examinen a Declaración de Biscaia sobre
o dereito ó medio natural e, no seu caso, adopten as medidas
oportunas para o recoñecemento efectivo do dito dereito,
Artigo
1º. Dereito ó medio natural
Toda persoa, tanto a título individual como en asociación
con outras, ten o dereito a gozar dun medio san e ecoloxicamente equilibrado.
O dereito ó medio é un dereito que pode exercerse ante
os poderes públicos e entidades privadas, sexa cal sexa o seu
estatuto xurídico en virtude do dereito nacional e internacional.
O dereito ó medio hase exercer de forma compatible cos demais
dereitos humanos, incluído o dereito ó desenvolvemento.
Toda persoa ten dereito ó medio sen ningún tipo de discriminación
por motivos de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión
política ou de calquera outra índole.
Artigo
2º. Deber de protección do medio natural
1. Toda persoa, tanto a título individual como en asociación
con outras, ten o deber de protexe-lo medio e de fomenta-la dita protección
no ámbito nacional e internacional.
2. Os poderes públicos e as organizacións internacionais
teñen a responsabilidade de protexer e, no seu caso, restaura-lo
medio por tódolos medios que entren no ámbito da súa
competencia. Esta responsabilidade levarase a cabo, en particular, mediante:
- A protección, conservación, eventual restauración,
e prevención do deterioro da biosfera, xeosfera, hidrosfera e
atmosfera.
- O uso racional e sostible dos recursos naturais.
- A promoción de modelos de producción e de consumo que
contribúan ó desenvolvemento sostible.
- A integración das esixencias para a protección do medio
natural nas políticas públicas e nas actividades privadas,
tendo en conta o principio de non discriminación.
3. Tódolos Estados e, en particular, os Estados veciños,
deberán cooperar entre si na defensa do medio e na loita contra
a contaminación sexa cal for a súa orixe.
4. Os Estados velarán para que non se introduzan modificacións
desfavorables e irreversibles do medio que poidan atentar contra a saúde
das persoas e o benestar colectivo.
Artigo
3º. Dereito ó medio natural e as xeracións futuras
1. As xeracións futuras teñen dereito a herdar un medio
san e ecoloxicamente equilibrado.
2. O Estado ten a obriga de vixia-la calidade e a diversidade do medio
e, en particular, de avaliar anticipadamente as consecuencias a longo
prazo para o medio da realización ou execución de grandes
proxectos.
Artigo
4º. Transparencia administrativa e dereitos das persoas en materia
do medio
1. Os procedementos de decisión dos poderes públicos e
dos organismos internacionais sobre os asuntos que teñen relación
co medio rexeranse polo principio de transparencia. Este principio esixe
o recoñecemento dos dereitos de participación, acceso
á información e a ser informado.
2. Toda persoa ten o dereito, por si, en asociación con outras
ou a través dos seus representantes, a participar na elaboración
das políticas públicas e de calquera medida relativa ó
medio natural.
3. Así mesmo, calquera persoa ten dereito a acceder á
información sobre o medio sen necesidade de acreditar un interese
determinado. Este dereito soamente poderá ser limitado por motivos
xustificados e establecidos legalmente.
4. O dereito a ser informado será garantido, ademais, mediante
a publicación e a difusión de informes periódicos
sobre o estado do medio.
Artigo
5º. Dereito a un recurso efectivo
Toda persoa, ou grupo de persoas, á que lle violasen o seu dereito
a un medio san e ecoloxicamente equilibrado, ou que posúa información
sobre a dita violación, deberá ter un recurso efectivo
ante unha instancia nacional e internacional.
Artigo
6º. Dereito á reparación
Calquera persoa, ou grupo de persoas, á que lle violasen o dereito
a un medio san e ecoloxicamente equilibrado e que sufrise dano ambiental,
terá dereito a esixir e obte-la reparación correspondente,
sen prexuízo da restauración do medio.
Artigo
7º. Educación e sensibilización sobre o medio natural
1. A educación e a sensibilización, en tódolos
seus niveis e por tódolos medios, deben capacita-las persoas
para desempeñar un papel útil na protección do
medio.
2. Os Estados e as organizacións internacionais deberían
adopta-las medidas educativas necesarias para asegura-lo respecto e
a protección do dereito das persoas a un medio san e ecoloxicamente
equilibrado.
3. As medidas sinaladas no apartado anterior deberían incluír
programas de ensino e de educación, coa colaboración das
organizacións non gobernamentais.
Artigo
8º. Responsabilidade compartida
En consonancia cos principios de solidariedade internacional e de responsabilidade
compartida pero diferenciada sobre a protección do medio natural,
os países desenvolvidos deberían fortalece-la cooperación
cos países en vías de desenvolvemento.
Artigo
9º. Aplicación do deretio ó medio natural
1. Os Estados e as organizacións internacionais deberían
adoptar tódalas medidas necesarias para garanti-lo dereito a
un medio natural san e ecoloxicamente equilibrado recoñecido
nesta Declaración.
2. Os poderes públicos deberían elaborar e manter actualizada
a información sobre o medio que lles concirna, establecendo sistemas
para a súa recompilación e clasificación. Así
mesmo, a dita información referirase a actividades existentes
ou en proxecto que poidan afecta-lo medio.
3. Igualmente, os Estados e as organizacións internacionais deberían,
apoiándose na cooperación e na solidariedade internacionais,
erradica-la pobreza, pola súa íntima vinculación
co dereito ó medio natural, adoptando as medidas necesarias e
adecuadas para lograr este obxectivo.
4. Na execución das medidas necesarias para garanti-lo exercicio
efectivo do dereito ó medio, deberíase prestar unha especial
atención ás persoas e ós grupos vulnerables.
Feita en Bilbo o día 12 de febreiro do ano 1999
|
|
|
|
Declaración
|
Resolución
|
Traxectoria
|
|
|
|